Friday 19 de April de 2024

A Xunta incorpora o Parrote ao Programa de vixilancia Sanitaria das zonas de baño


― Esta actuación garante que o baño realizarase cumprindo a calidade sanitaria das augas

― A Xunta segue impulsando o uso desta zona como espazo lúdico para os coruñeses previo á construción dunha estrutura flotante e dun edificio de apoio ás actividades náuticas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta incorporou a zona do Parrote no programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia durante un período de avaliación de dous anos previo a súa inclusión no censo oficial de zonas de baño. Esta medida garante a calidade sanitaria das augas nesta zona seguindo uns estritos controis por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Neste senso, a Xunta a partir deste momento levará a cabo as actuacións que sexan necesarias para que se manteñan as condicións de calidade da auga adecuadas da zona de baño durante a tempada que comprende dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, así como a vixilancia dos posibles puntos de vertido existentes próximos á zona de baño para evitar a contaminación das augas de baño que podería supor un risco para a saúde dos usuarios.

Trenor lembrou que xestión da área de baño, como no resto de espazos incluídos no listado, corresponde ao Concello, que é o responsable da vixilancia e a seguridade do espazo de auga e dos usuarios. A inclusión como zona de baño só foi posible despois de que o Concello levase a cabo as tarefas de acondicionamento da zona e establecese un servizo de vixilancia e a Autoridade Portuaria emitise unha resolución oficial autorizando o baño ao ser zona portuaria. Neste senso, o representante do Goberno galego lembrou que esta inclusión estará vixente mentres o Concello manteña as medidas de seguridade neste espazo.

Espazo recreativo
O delegado da Xunta recalcou que este é un paso previo para seguir avanzado no proxecto de colaboración coa Autoridade Portuaria para executar unha estrutura flotante no Parrote, co fin de habilitar unha zona de baño e permitir o desenvolvemento de actividades de ocio. Esta estrutura complétase cunha zona de bancadas ao longo do paseo e un edificio de apoio ás actividades náuticas, con duchas e aseos para facilitar o uso por parte dos cidadáns.

Trenor lembrou que “a Xunta vai investir máis de 3 millóns de euros que forman parte dos 20 millóns comprometidos polo Goberno galego para a recuperación da fachada marítima da cidade”, dixo, precisando que esta obra estará finalizada en 2023.